28 de septiembre de 2017

O Alcalde presenta o cartel da terceira edición dos "Máis de 55 anos vivindo o Ensanche"

Presentación da programación das Festas do Ensanche no Pazo de Raxoi.
Foto: santiagodecompostela.gal 

O Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado do noso Presidente de Raigame, Xaquín Mato; do Secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto e da Presidenta de Em-Rede, Eva López; vén de facer pública a programación da terceira edición das nosas festas; os “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”. No acto de presentación, que tería lugar onte día 26 de setembro no Pazo de Raxoi, o Alcalde amosaría a súa satisfacción pola consolidación da festa e remarcaría a importancia do traballo colectivo. Segundo Noriega, "un barrio organizado e os seus representantes traballando da man do Concello é unha garantía de éxito".

De esquerda a dereita; Xaquín Mato, Eva López, Delmiro Prieto e o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega. 
Foto: santiagodecompostela.gal 

A Presidenta de Em-Rede, Eva López, en referencia á celebración da III Festa do Comercio, destacou que este ano "foi preciso ampliar o número de postos previsto”, confirmándose un total de 40 establecementos. Aqueles adicados ó textil, ós complementos ou á zapatería, exhibirán unha pequena mostra dos seus produtos no desfile “Moda a pé de rúa”, que se celebrará o venres 29 ás 19:00 h na Praza Roxa. 

Pola súa parte, Delmiro Prieto, anunciaría tamén a celebración dunha Marcha Ciclista que sairá o domingo día 1 de outubro da Praza Roxa e que promote consolidarse na programación das nosas festas. Segundo o Secretario de Santiago Centro, o tecido asociativo do Ensanche "quere ser partícipe do compromiso con outro modelo de mobilidade” e que esta nova actividade "sirva para concienciar aos condutores, pero tamén aos ciclistas, de cales deben ser as súas prácticas nas rúas para conseguir unha circulación máis segura".


Dende Raigame desexamos que todo este esforzo colectivo, tal e como tivo a ben sinalar o Alcalde, remate por ser“unha garantía de éxito”. Por terceiro ano consecutivo, desexámosvos a tod@s unhas boas Festas do Ensanche!



Máis información:

18 de septiembre de 2017

Todo listo para as Festas do Ensanche 2017


Outro ano máis, os veciños do Ensanche compostelán teremos o enorme pracer de volver a conmemorar os máis de 55 anos de vida do noso barrio. E celebrarémolo como os dous anos anteriores; por todo o alto!  Temos todo listo para gozar dunha gran festa ateigada de actividades para os máis grandes e pequenos da casa.

O sábado 30, pecharemos setembro celebrando o día grande deste 57 aniversario do Ensanche. A música correrá a cargo de Kind of Soul, Mojo Experience, Jorge Casal, a Charanga Mekánika e pasarrúas de música tradicional. Tamén haberá exhibicións de baile, de deportes e un sen fin de xogos populares. E por se fose pouco, este ano tamén se celebrará o "I Torneo de Xadrez do Ensanche":


Ca fin de que o noso comercio teña tamén o seu oco neste 57 aniversario, ó longo das rúas do noso barrio celebrarase a "III Feira do Comercio", na que numerosos establecementos locais expoñerán os seus produtos e ofrecerán promocións especiais. Tamén haberá sorteos, desfiles de moda, exposicións de téxtil, de artesanía, e variados postos de alimentación.

Así que xa sabedes, os vindeiros días 29, 30 de setembro e 1 de outubro, estades todos convidados á gran festa do noso barrio; “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”.


Máis información:

2 de mayo de 2017

Programación do CIAC para o mes de maio



O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) vén de presentar unha interesante programación de actividades para este mes de maio, entre as que cabe destacar o xa tradicional roteiro, desta volta polas Brañas do Sar, amais dunha exposición temporal sobre “A Contaminación Luminosa” e unha xornada de divulgación sobre esta problemática ambiental. 

A continuación achégase máis información referente a estas actividades:


Exposición Temporal: “A Contaminación Luminosa” | Do 10 de maio ó 3 de xuño 

Trátase dunha interesante exposición que nos achega á complexidade desta problemática ambiental, á súa orixe e algunhas das súas consecuencias, así como ás solucións que se debería adoptar. Poderemos desfrutar desta didáctica exposición desde o mércores 10 de maio ata o sábado 3 de xuño en horario de apertura ao publico. +info: 981 543 145


Xornada de Divulgación sobre a problemática da Contaminación Luminosa | Sábado 13 de maio 

Toda unha xornada a abordar esta problemática desde diferentes perspectivas:

      • Ás 12:00h | Obradoiro de “Pequen@s Astrónom@s: 

Sinxelas ferramentas para descubrir o ceo nocturno”, para nenas e nenos, a partir de 7 anos, acompañados dunha persoa adulta. Achegarémonos ás dificultades para coñecer o ceo estrelado desde a cidade. Aprenderemos o que podemos atopar nun ceo nocturno escuro coa axuda dun simulador e construiremos algunhas sinxelas ferramentas para ir familiarizándonos coas formas que fan as estrelas no ceo. 

      • Ás 18:30h | Charla Coloquio sobre Contaminación Luminosa:

Abordarase a orixe do problema, as consecuencias económicas, medio ambientais e para a saúde humana, así como as solucións que se deberían tomar. Para isto contarase coa participación de expertos que nos achegarán a esta problemática desde diferentes perspectivas: Salvador Bará (USC), Óscar Sánchez (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) e Lucía Giráldez (Calidade do Ceo Nocturno).

As dúas actividades son de balde pero para o obradoiro as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse.

Inscrición:

• Teléfono: 981 543 145

• Inscrición no obradoiro “Pequen@s Astrónom@s...”:  https://goo.gl/m4PEfY 


Roteiro Interpretativo polas Brañas do Sar | Sábado 27 de maio ás 12.00 h.

Como cada derradeiro sábado de mes, faremos un roteiro. Esta vez será polas Brañas do Sar, onde poderemos descubrir os seus valores naturais, os seus usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso entorno. A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 7 anos). É de balde pero é preciso inscribirse.

Inscrición:

• Teléfono: 981 543 145



6 de febrero de 2017

Programación do CIAC para o mes de febreiro



O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) vén de presentar unha interesante programación de actividades para este mes de febreiro, entre as que cabe destacar un obradoiro de compostaxe doméstica e un roteiro polo Parque de Belvís. 

A continuación achégase máis información referente a ámbalas dúas actividades, que son de balde pero requiren inscrición previa:


Obradoiro de Compostaxe | Sábado 18 de febreiro do 2017 ás 12.00 h.

Se che apetece coñecer unha alternativa ecolóxica para o tratamento dos residuos orgánicos da casa, os restos das podas, horta e xardíns, que posibilita a súa reciclaxe, transformando estes residuos nun abono de excelentes cualidades podes anotarte a este obradoiro. A actividade está dirixida a todos os públicos. 

Inscrición:

• Teléfono: 981 543 145




Roteiro polo Parque Belvís | Sábado 25 de febreiro ás 12.00 h.

Os nosos parques son moito máis que espazos verdes, neles desenvólvense moitas actividades que enriquecen non só a biodiversidade da nosa cidade se non a oferta de actividades, o noso ocio, a nosa forma de relacionarnos. Ofrecemos unha camiñata polo Parque de Belvís para coñecer todas as funcións coas que nos agasalla. A actividade está dirixida a todos os públicos.

Inscrición:

• Teléfono: 981 543 145



18 de diciembre de 2016

Este Nadal agardámosvos no Ensanche!



Veciños e comerciantes do Ensanche, froito do esforzo e da colaboración entre a AAVV Raigame e Santiago Centro Área Comercial, estamos a unir forzas a prol de engalanar e dinamizar o noso barrio nestas datas de Nadal. Algunhas das moitas actividades que estivemos a artellar para celebrar por todo o alto este Nadal 2016 -2017, son as que se resumen a continuación:

  • Decoración propia - completando a iluminación do Concello - de comercios e rúas. Podedes votar a que máis vos guste a través da seguinte páxina de Facebook: “Nadal no Ensanche”
  • Actividades diversas: desde talleres, xogos, exposicións nunha carpa na Praza Roxa, ata actuacións sorpresa...
  • Premio por mercar no Ensanche! Con cada compra, os comercios entregarán unha rifa para o sorteo dunha espectacular Cesta de Nadal -exposta no nº 20 da rúa da Rosa-, que faremos o mércores 4 de xaneiro..., as rifas son de balde! 


O Ensanche é atractivo, é céntrico, é próximo, capaz de competir coas grandes áreas comerciais. É un comercio xusto e de cercanía onde nunca falta a atención personalizada, a orientación desinteresada e onde a calidade é a mellor das garantías. 

Este Nadal agardámosvos no Ensanche!



Máis información:


26 de septiembre de 2016

Festa dos "Máis de 55 anos vivindo o Ensanche"


Logo duns cantos meses de duro traballo organizativo en colaboración coa Fundación Santiago Centro, Panxea Comercio Xusto, EmRede, Santiago Futsal e o Concello de Santiago, comprácenos convidarvos a unha gran festa que celebraremos o vindeiro sábado día 1 de Outubro nas diferentes rúas do noso barrio; os 56 anos de vida do Ensanche compostelán. 

Para conmemorar este 56º aniversario do noso barrio, temos preparada unha gran festa ateigada de música e de actividades para os máis grandes e pequenos da casa. A música correrá a cargo de Nastasia Zurcher, Dani Barreiro e Cantata Vernácula. Celebraranse torneos de xadrez, de baloncesto infantil e xuvenil 3x3, un taller de prensa para maiores de 11 anos, así como diversos xogos populares. Como en toda boa festa que se prece, tamén haberá pasarrúas e unha polbeira na Praza Roxa.

Ca fin de que o comercio do noso barrio teña tamén o seu oco neste aniversario, numerosos establecementos ofrecerán promocións especiais aos seus clientes. Os establecementos que ofrecerán estas promocións terán na entrada do comercio un globo verde para indicalo. Ao remate da feira do comercio sortearanse máis de 50 agasallos doados por varios establecementos da cidade.

Así que xa sabedes, o vindeiro 1 de Outubro estades todos convidados á gran festa do noso barrio; “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”



Máis información:


5 de mayo de 2016

ART&ECO, dous mercados simultáneos nas Festas da Ascensión 2016

Imaxe: arteeco.es

Este ano, co gallo das Festas da Ascensión 2016, os veciños de Santiago e da súa comarca, así como os moitos visitantes que por estas datas se achegan á capital, terán a oportunidade de gozar coas moitas actividades que xa se están a desenrolar polas rúas da cidade e que se suman á xa tradicional e variada oferta de ocio que de por si brindan estas festas.
Desta volta, dende a Asociación Veciñal Raigame queremos apoiar e compartir con todos vós as diferentes iniciativas privadas, coa colaboración municipal, que se levarán a cabo nas rúas do Ensanche dende o día 5 até o día 8 do presente mes de maio con motivo do Mercado ART&ECO. Este evento, promovido pola Fundación Santiago Centro Área Comercial en colaboración coa APEGA e coa Cesta da Saúde, trata de aunar simultaneamente dous mercados diferentes; unha Mostra de Artesanía e unha Feira Ecolóxica Labrega.
 
Así pois, animámosvos a que entredes na páxina do Mercado ART&ECO, onde poderedes atopar toda a información necesaria referente a este evento, premendo na seguinte ligazón:
 
Boas Festas da Ascensión 2016 para tod@s!