19 de mayo de 2014

II Campus de Cociña Infantil CompH!ostelería


Hoxe, día 19 de maio de 2014, ábrese o prazo de inscrición para o II Campus de Cociña Infantil CompH!ostelería, que logo do éxito acadado na súa primeira edición, a Asociación Hostelería Compostela volverá a organizar por segundo ano consecutivo. Os obxectivos deste obradoiro, que se celebrará entre o 23 de xuño e o 18 de xullo de 2014 en horario de 09:00h a 14:30h, serán os de achegar ós máis cativos a cultura gastronómica e “crear unha conciencia de alimentación sa e saudable afondando en todos aqueles elementos que teñen que ver coa alimentación”. Este II Campus de Cociña Infantil vai destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade. O número de prazas é limitado, e o criterio de admisión será por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse será preciso presentar debidamente cuberto o Formulario de Inscrición nas oficinas do Centro de Formación e Cultura Gastronómica (Rúa das Salvadas, 29 baixo)

Máis información en:
Centro de Formación e Cultura Gastronómica
Rúa das Salvadas, 29 baixo. Vista Alegre
Tlf: 981 583366 – Fax: 981 582041
formacion@santiagohosteleria.org
www.santiagohosteleria.com


"Tras a pista das Gárgolas" da A.VV. As Marías




Este pasado domingo 18 de maio de 2014, a Asociación Veciñal As Marías vén de organizar unha interesante actividade familiar, lúdica e didáctica, baixo o nome de “Tras a pista das Gárgolas”. Este “xogo de pistas” deu comezo ás seis do serán na Praza de San Martiño Pinario. Participaron @s máis  grandes e pequen@s da casa, que gozaron de percorrer a cidade ollando as abondosas gárgolas compostelás “na procura dun tesouro”. 

14 de mayo de 2014

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!” (17 de maio de 2014)

www.queremosgalego.org

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano 2014 homenaxeará a figura do finado poeta guitiricense Xosé María Díaz Castro, dende a Asociación de Veciños Raigame queremos achegar unha ligazón ó Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido e resoará con forza nas mobilizacións que terán lugar en oito cidades galegas o vindeiro sábado 17 de maio a iso das 12 da mañá. Para ler o manifesto, preme na seguinte ligazón:


Aproveitamos tamén para informar dos emprazamentos onde terán lugar as mobilizacións promovidas pola Plataforma Queremos Galego!:

  • A Coruña: A carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga)
  • Ferrol: Praza de Armas
  • Foz: Praza do Conde de Fontao
  • Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes)
  • Ourense: Alameda – Xardíns Bispo Cesáreo (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor)
  • Pontevedra: Praza da Peregrina
  • Santiago de Compostela: Porta Faxeira
  • Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte


Deixámosvos cun duro pero fermoso poema de Xosé María Díaz Castro e desexámosvos que gocedes deste 17 de maio, deste noso Día das Letras Galegas 2014:

     “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
                                                       i a tea dos teus sonos non se move.
                                                       A espranza nos teus ollos se esperguiza.
                                                       Aran os bois e chove.

                                                       Un bruar de navíos moi lonxanos
                                                       che estrolla o sono mol como unha uva;
                                                       pro tí envólveste en sabas de mil anos
                                                       i en sonos volves a escoitar a chuva.

                                                       Traguerán os camiños algún día
                                                       a xente que levaron: Deus é o mesmo.
                                                       Suco vai, suco vén, Xesús-María!,
                                                       e toda cousa ha de pagar seu desmo.

                                                       Desorballando os prados coma sono
                                                       o tempo vai de Parga a Pastoriza.
                                                       Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
                                                       Un paso adiante i outro atrás, Galiza!”
                                                       Xosé María Díaz Castro, Nimbos



5 de mayo de 2014

O CSC O Ensanche inaugura “Compostela Única”



Mañá día 6 de maio, a partires das 20:00 horas, terá lugar no Centro Sociocultural O Ensanche, -na rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16-, o acto de inauguración da Exposición “Compostela Única”. Esta mostra, promovida polo Ateneo de Santiago, pretende achegarnos á historia da cidade a través de antigas fotografías, todas elas realizadas antes do ano 1965 e cedidas por diversas persoas e colectivos, entre eles, a Asociación de Veciños Raigame. A exposición componse dunhas 200 imaxes organizadas en oito temas principais:

  • Compostela pedra a pedra
  • Universidade, ensino e cultura
  • A Igrexa e o Camiño de Santiago
  • Oficios, obradoiros e actividade comercial
  • Fotografías de Autor 
  • A sociedade compostelá
  • Deportes
  • Festas e romerías.

O acto de inauguración correrá a cargo de Antón Porteiro, membro da Xunta Directiva do Ateneo de Santiago e de José Manuel Ortigueira, Comisario da exposición. A mostra estará aberta até o vindeiro venres 16 de maio do presente ano 2014.

Para a Asociación de Veciños Raigame é unha honra colaborar co Ateneo e co Concello de Santiago na difusión do patrimonio cultural compostelán.


Máis información: