23 de enero de 2015

Raxoi reconsiderará o proxecto da Carreira do Conde

Imaxe: R.M. Santiago, La Voz de Galicia


Parece que volve a normalidade ás rúas de Montero Ríos e a Carreira do Conde, ou iso é o que semella desprenderse das boas novas publicadas onte en distintos medios de comunicación logo da última reunión que mantivemos este pasado día 21 os comerciantes e veciños do Ensanche, representados pola Fundación Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, co actual rexedor compostelán Agustín Hernández. Froito do diálogo mantido nesta última xuntanza, o Alcalde comprometeuse a analizar as propostas presentadas e a procurar unha solución alternativa ó proxecto inicial sen renunciar a “humanizar” e suprimir o tráfico destas rúas. 

Achegamos de seguido unha serie de ligazóns a diferentes medios de comunicación locais que se fixeron eco das conclusións extraídas desta xuntanza:

21 de enero de 2015

Comezan as obras de peonalización do Ensanche compostelán

Logo de que boa parte dos comerciantes e veciños da Zona Nova de Compostela, -representados pola Fundación Santiago Centro Área Comercial e pola Asociación de Veciños Raigame-, nos reunísemos en máis dunha ocasión co actual rexedor do Concello de Santiago para comunicarlle a nosa oposición á realización dunhas obras que pretenden reducir os carrís de circulación, ampliar beirarrúas i eliminar todas as prazas de aparcamento en Montero Ríos e na Carreira do Conde, e de comprobar que as mesmas xa deron comezo, queremos expoñer unha serie de alegacións que presentamos hoxe día 21 de xaneiro de 2015 ante a Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela:

Para eliminar as prazas de aparcamento en superficie, é dicir, para obrigar ó cidadán a que restrinxa o uso do coche privado, sen prexudicar ós residentes e ó pequeno e mediano comercio da zona ESIXIMOS,

1. Que se habilite unha ampla zona de aparcadoiros no Ensanche que favoreza o poder deixar o coche incluso nos días más chuviosos. Propoñemos a explanada do Colexio Peleteiro á que actualmente non se lle está dando ningún uso. Reivindicamos de igual modo, que se habilite outra ampla zona de aparcamento, pola entrada de Conxo onde hai bastante terreo para elo e onde os coches podan deixar sen custo ou como se facía no aparcamento de Cornes que nunca deberían habelo quitado.

2. Solicitamos un dialogo constante co Concello, para que nos manteñan informados dos cambios que pretendan realizar na nosa zona de influencia. Queremos ter todas as reunións que sexan necesarias para poder chegar a adoptar acordos que permitan un prezo máis razoable dos aparcadoiros da zona, agora mesmo son excesivos para a meirande parte da xente traballadora. Do mesmo xeito, prantexamos a necesidade de chegar a un acordo para que presentando o ticket de compra nos parkings, os clientes, obteñan un desconto significativo na hora de aparcamento ou unha hora de balde.

3. Consideramos moi necesario para fomentar que se empreguen menos os vehículos, aumentar as liñas do transporte público que garantan unha boa comunicación con servizos públicos, privados, de barrios e de poboacións próximas e máis afastadas. Isto é imprescindible para que o coche se utilice menos. Aumentar os horarios dos autobuses urbanos e interurbanos,  até as 23:30 da noite, hora que permite acudir a actividades despois da xornada laboral e prescindir así do coche. Agora mesmo é un horario moi reducido.

4. O regreso do NOITEBUS durante as fins de semana, tamén evitaría o uso do coche e outros males maiores. 

5. Adecuar os horarios de carga e descarga ó dos comercios.

Para impedir que se realicen estas obras, que xa deron comezo e que suprimen prazas de aparcamento sen ofrecer solucións ó problema que temos na cidade, dende a Fundación Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, estamos a recadar firmas de apoio da cidadanía a través da internet, no portelo web de Change.org ("STOP a las obras que eliminan plazas de aparcamiento sin ofrecer soluciones al problema que tenemos en Santiago de Compostela"), e tamén de xeito físico nos comercios da zona. Animámosvos a todos a asinar. 

13 de enero de 2015

Homenaxe a Vivencio Freire Dapena

Diversas persoas e colectivos do barrio compostelán do Castiñeiriño, co apoio incondicional da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche, estamos a preparar unha homenaxe a  Vivencio Freire Dapena, - eximio veciño -, como recoñecemento e amizade polos moitos anos de servizo a Compostela. O acto, aberto a toda a cidadanía, terá lugar o vindeiro sábado día 17 de xaneiro a partires das 12:00h da mañá no Centro S.C. "Agustín Bueno" do Castiñeiriño

Neste acto de recoñecemento, trataremos de transmitirlle en persoa o noso agarimo, afecto e admiración por toda a ilusión, esforzo e tempo, investidos na nosa cidade e para beneficio de tódolos composteláns. Logo do acto, tódolos asistentes poderán gozar dun bo xantar no Restaurante "Paz Nogueira", para acompañar e arroupar ó noso modélico veciño. Na sobremesa farémoslle entrega dun agasallo. 

Para asistir ó xantar, será preciso contactar con Raigame antes do xoves día 15; data na que pecharemos as reservas. Dende a Asociación de Veciños Reigame queremos contar coa vosa presenza nesta cita tan importante para nós e para boa parte da cidadanía compostelá. Estades tod@s convidad@s!

Queremos aproveitar esta boa nova para compartir con vos unhas verbas que lle adicamos a Vivencio no marzal do ano 2006, con motivo daquela primeira homenaxe que o Concello de Santiago tivo a ben facerlle ó noso prezado veciño:





VIVENCIO



"Vivencio  Freire Dapena  naceu en Soutelo, Forcarei. Moi  novo marchou a Lugo. Nos anos 50 emigrou a Caracas. Alí empezou de pinche en Luz Eléctrica de Venezuela, a empresa de electricidade máis importante do país. O igual que tantos galegos loitadores, foi pasando por todos os  postos, ata chegar a ser supervisor encargado de zona.

En  1975 voltou a Galicia,con Sara, a súa dona - galega de Sarria-, e dous fillos: Tino e Mari Luz. Instaláronse no Castiñeiriño. E cando no 1977 naceu a Asociación de Veciños O Castiñeiro, el xa botou unha man. Na cidade, en 1980, puxeron un pequeno comercio no que hoxe é a rúa Nova de Abaixo e que- nos oitenta - ía camiño de ser un barrio marxinal. Ata que en 1987, Vivencio e outros poucos residentes na chamada “Calle Nueva”, fundaron  a Asociación Veciñal do mesmo nome  - que en poucos meses pasou a ser, xa, Raigame - , e puideron deter esa marcha cara á degradación social.

Rematando os noventa, Vivencio xubilouse oficialmente. Pechou o seu negocio, e dixo que se ía adicar a familia: a súa dona, os dous fillos, os catro netos... E non foi certo. O barrio do Castiñeiriño, a Asociación Veciñal, sábeno ben.

En Raigame nomeámolo SOCIO DE HONRA -co nº 1- e gabámonos de contar coa súa amizade, axuda e consello. E no Castiñeiriño, onde vive, segue loitando polo que unha persoa, nobre e comprometida como el, pelexou toda a vida: o ben común, a xustiza, a mellora de vida dos que nos rodean. Sen agardar nada a cambio (ou, as veces, algunha mala cara e verbas que feren…). Non está xubilado do colectivo veciñal. Está traballando arreo na directiva do Castiñeiro.
Xa sabedes... queda tanto por facer, ¡aínda! Así que, moitas grazas Sara, Tino, Mari Luz, por compartir con  nós, cidadáns composteláns, a esta boa persoa, exemplo e guía  para o colectivo veciñal: Vivencio Freire Dapena"